O carteiro de Ximaraos

É unha coprodución entre o CDG e Os Monicreques de Kukas.
A partir do texto orixinal de Carlos Labraña que recibiu o XIII Premio Manuel María
de literatura dramática infantil que convoca a Axencia Galega de Industrias Culturais.
Coa proposta para a súa posta en escena do equipo artístico que recibiu o
Premio Xuventude Crea na modalidade de teatro que convoca Xuventude de Galicia.

O carteiro de Ximaraos é unha delicada creación escénica que nos convida a detérmonos
no valor da memoria, na forza dos recordos e, sobre todo, na necesidade de cultivar os
afectos entre xeracións.
Trátase dunha peza especialmente dirixida ao público infantil e familiar, que consegue
achegar unha enfermidade complexa como o alzhéimer con sensibilidade, intelixencia e
respecto, converténdose nun exemplo de como o teatro pode ser ao tempo ferramenta
pedagóxica, arte comprometida e espazo de encontro.

A peza céntrase na relación entre un avó, antigo carteiro da vila de Ximaraos, e o seu neto,
que descobre na carteira de correos un tesouro de cartas esquecidas. A través desta conexión,
o espectáculo reflexiona sobre como as historias, as memorias compartidas e os pequenos rituais
familiares poden enfrontarse ao esquecemento…

Esta proposta tamén destaca polo seu valor como ferramenta emocional para traballar coas
crianzas sentimentos como a tristeza, o apego, o medo á perda ou a confusión que produce
ver cambiar ás persoas que queremos.

O teatro convértese aquí nun espazo seguro desde o que abordar estas cuestións sen tabús,
favorecendo unha educación emocional que moitas veces fica esquecida nas dinámicas escolares ou familiares.
Ao mesmo tempo, a obra reforza a relación interxeracional, poñendo en primeiro plano a riqueza
dos vínculos entre infancia e vellez, e desbotando visións estigmatizantes da doenza ou da idade.
EQUIPO ARTÍSTICO
Texto: Carlos Labraña (XIII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil)
Dirección: Susana Villaverde
Dramaturxia: Ezequiel Rodríguez e Susana Villaverde
Interpretación: Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rey
Escenografía e creación de audiovisuais: Maite Dubois
Deseño iluminación e máscaras: Amelia Poyato
Deseño de monicreques e vestiario: Amelia Poyato
Colaboración na realización de monicreques: Marcelino de Santiago e Isabel Rey
Composición musical e gravación banda sonora: Xosé Lois Romero
Espazo sonoro e voz: Noemí Pardo
Asesoramento lingüístico: Rosa Moledo





