O Carteiro de Ximaraos participa na programación do 1º semestre da REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS
O carteiro de Ximaraos é unha coprodución entre o Centro Dramático Galego e Os Monicreques de Kukas.

A partir do texto orixinal de Carlos Labraña que recibiu o XIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil que convoca a Axencia Galega de Industrias Culturais.

Coa proposta para a posta en escena do equipo formado por:
Susana Villaverde na dirección e dramaturxia,
Ezequiel Rodríguez na dramaturxia,
Maite Dubois na escenografía e audiovisuais,
Amelia Poyato na iluminación,máscaras, monicreques e vestiario,
Noemí Pardo no espazo sonoro e voz.
Equipo que recibiu o Premio Xuventude Crea na modalidade de teatro
que convoca Xuventude de Galicia.
Xunto a eles Xosé Lois Romero na composición musical e a banda sonora,
Rosa Moledo no asesoramento lingüístico e
Francisco Nuñez no asesoramento artístico e escénico.

O actor Marcelino de Santiago “Kukas” é o intérprete principal, e
Isabel Rey na animación de monicreques e máscaras.

A peza céntrase na relación entre un avó, antigo carteiro da vila de Ximaraos, e o seu neto.

Trátase dunha peza especialmente dirixida ao público infantil e
familiar, que consegue achegar unha enfermidade
complexa como o alzhéimer con sensibilidade, intelixencia e respecto,
converténdose nun exemplo de como o teatro
pode ser ao tempo ferramenta pedagóxica, arte comprometida e
espazo de encontro.

O carteiro de Ximaraos é unha delicada creación escénica que nos
convida a detérmonos no valor da memoria,
na forza dos recordos e, sobre todo, na necesidade de cultivar
os afectos entre xeracións.

Esta proposta tamén destaca polo seu valor como ferramenta
emocional para traballar coas crianzas sentimentos
como a tristeza, o apego, o medo á perda ou a confusión que
produce ver cambiar ás persoas que queremos.

O teatro convértese aquí nun espazo seguro desde o que abordar
estas cuestións sen tabús, favorecendo unha educación emocional
que moitas veces fica esquecida nas dinámicas escolares ou familiares.



